Rutas do río Belelle

ruta da Cernada

“…Belelle corrente de vida”

1.-Accedemos desde as Filgueiras de arriba ata o río e logo de atravesar unha ponte de pedra chegamos a unha pista de terra que ascende pegada ao nacente río ata o lugar da Cernada.

2.-Unha aldea abandoada de grande interese eco-etnográfico onde a arquitectura popular se manifesta en toda a súa esencia. Seguindo unha canle que atravesa a finca atoparémonos a un lado cun viaduto e ao outro cun muiño integrado e oculto entre rochas.

3.-Voltaremos polo antigo camiño de carro que bordea a finca polo norte cos sons do río como fondo.

E se queda tempo podemos:

  • visitar o muiño de Picobello e pasear río arriba por unha das fragas máis virxes da zona.

Ruta de río Cuberto

“… onde o río e maxia”

ruta de río Cuberto

1.-Partimos desde o adro da Igrexa de Santa María de Cabalar, de estilo barroco. Ao pasar a ponte cóllese río abaixo pola marxe dereita e disfrutaremos dunha variopinta vexetación e do relaxante murmurio da auga ata chegar a unha pequena ponte de madeira.

2.-Deseguida veremos que o río desaparece baixo unhas grandes rochas. Estamos en “Río Cuberto”, unha paisaxe única onde o río se afunde con toda a súa forza sobre grandes bloques graníticos, chegando a desaparecer entre eles, deixándonos coa indescritible sensación do ruído dunhas augas que non vemos; unha paraxe dunha beleza incomparable. Aqui podemos optar por pasar sobre estas penas (zona escabrosa e dificultosa) ou ben seguir pola fraga da outra marxe do río.

3.-Rematamos na area recreativa de Formariz e podemos contemplar ao outro lado da ponte unha pequena presa e as súas fervenzas e como o Belelle se adentra na frondosa fraga. A volta podemos facela polo mesmo camiño ou pola pista asfaltada.

E se queda tempo podemos ver:

  • o muiño do Barreiro, un dos máis grandes da contorna.
  • A ferrería hidráulica do Machuco (S.XVIII)

Concello da Capela

As Neves, 46
15613 A Capela (A Coruña)

 

lun – sab 8:00 h – 14:00 h

Mapa localización

Concello da Capela - Todos os dereitos reservados